Rosalía - 11/07/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

Rosalía no eco da lembradoira data do 15 de xullo, remítenos ao 136 aniversario do seu pasamento. Ela marca o noso dietario para achegarnos á memoria que non deixa fuxir de nós o seu nome e súa obra. Dunha maneira poderosa emite sinais do tempo e do espazo que marcan a vida e os escenarios do seu poder en consolidarnos no memorando reivindicativo dos nosos próceres. Rosalía non está en decadencia, felizmente. As datas do 24 de febreiro de 1837, do 15 de xullo de 1885, do 10 de outubro de 1858 e do 17 de maio de 1863, así sucesivamente. Estar nos rexistros da vida e da obra rosaliana, impóñense as datas que fixan as emocións que produce a súa permanencia entre nós. Os galegos e non só, precisamos da súa presenza e de seus dons e das datas que confirman o legado dunha escritora unánime que a súa memoria fornece as nosas medras na autenticidade dun ideario que confirma identidade.

O nome de Rosalía, en todas as súas atribucións, desvela esa constante atracción de recoñecernos como galegos e ser utilitarios dunha causa xusta baseada na liberdade e na identidade intrínseca que manifestan os seus versos. A partir dos relampos que emite a súa obra literaria, dicimos que non hai volta atrás nas aspiracións necesarias que inspirou o Rexurdimento literario, coas achegas do pensamento reivindicativo dos dous idealistas do Rexionalismo de Murguía e de Brañas, publicados en 1889. Xuntamente con “Cantares Gallegos” e “Follas Novas” confirmouse unha apertura espléndida e intemporal que marca un escenario intenso para recoñecernos utilitarios na defensa da identidade nacional galega. Aínda continúa vixente o reiterado verso de Rosalía: “Pobre Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida”... Versos que tanguen na memoria colectiva e aguilloan o acordar dos sentimentos para recoñecernos na necesaria utilidade de valorar en que grado de intensidade está a nosa autoestima para asimilar os conceptos que se desprenden dos versos citados de Rosalía, cando visibilizamos a fonda anomalía producida polas inxerencias dos poderes e dominios foráneos.

Cando dicimos que Rosalía é a poeta nacional de Galiza estamos instaurando unha certeira mobilidade para poder incidir no marco das decisións concretas e dialécticas que nos inspira toda a súa obra e aplicándoa á realizade presente. O completísimo legado literario rosaliano, que moitos galegos descoñecen por varios motivos, sobre todo no que respecto ás súas novelas en castelán, onde encontraremos numerosos perfiles sobre un longo inventario sobre a estratificación das clases sociais, onde localizamos á deprimida clase labrega que contemplou a nosa poeta, emitindo en clave de crónica matices para reencontrarnos nos seus poemas e na súa prosa. Unha referencia nacional tan resoluta e integradora como a que representa Rosalía, resulta difícil para un galego desentenderse dos primordios necesarios desta pedra angular da que non podemos ignorar.

A nosa Rosalía celeste, leva o seu nome unha desas estreliñas que ela admiraba e sorríalle. O seu nome e retrato están colocados nos estabilizadores verticais de avións estranxeiros. O aeroporto de Compostela exhibe seu nome como titular do mesmo. Fóra de Galiza está presente Rosalía como a representante expresiva da nosa identidade, con todos os atributos cos que podemos identificar a unha nación orixinal. O 15 de xullo de 2001, coincidindo co 116 aniversario do falecemento da poeta, o Ajuntament de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) inaugurou un parque co seu nome nun amplo espazo preto do río Llobregat, cun montículo imitando a un castro con carballos e bidueiros levados de Galiza e con máis de 20 placas con diversos poemas en galego de Rosalía, converténdose no primeiro espazo testemuñal e visual dos seus poemas, expostos en público en placa e pedra. Un parque moi concorrido onde a identidade galega está representada pola nosa ática poeta que continúa integrándonos e ofrendándonos futuros rexurdimentos de liberdade.

Venres 2910/2021, debate sobre 2 libros da miña autoría

Venres 29, debate sobre 2 libros da miña autoría, publicados no presente ano.
Promovidos pola Libraría da Proencia. Na igrexa de Pinol (Sober), ás 19 h.
a ìntura manierrista en solbar