A arte epigráfica na poesía de Gisela Gracias Ramos Rosa - 18/02/2019
Opinión - logo gd 2


Xosé Lois García

As palavras mais simples” é un poemario nada simple e nada vulgar que nos conduce a aquel espazo clásico no que o epigrama poético abriu unha dimensión de rango e coeficiente que enmarcou diversos esquemas de transformación nun hábito moi representativo, en toda a orde latina representada polo Imperio romano. A península ibérica foi unha privilexiada en manter un sólido repertorio de escritura epigráfica en lápidas sepulcrais, en aras elexíacas e en suculentos soportes de escrita: granito, pintura, en papiros, en pergamiño ate chegar ao papel, etc... Por tanto, Gisela Ramos Rosa condúcenos neste libro a un dos xéneros poéticos mais conclusos e uniformes que a tradición orixinal grega representa e que a latina difundiu, en tantas versións que nos chegaron até a actualidade. Neste contexto hai un estro sobresaínte: Marco Valerio Marcial, hispano e natural do Calatayud, cidadán romano e habitante de Roma. Marcial continua sendo a referencia que lexitima o epigrama elexíaco e o que conforma eses contidos poéticos de gran altura e densidade. Neste contexto amplísimo están as diversas normas e formas no que se encadra o epigrama. Tamén este xénero que el tratou, emancipa a elexía e o formato comprimido que encontramos “nas palavras mais simples”. Libro que nos chega dunha enorme autora portuguesa, con diversas expresións e entregas poéticas que veñen a cubrir un espazo de vital importancia na creatividade de vangarda.

Gisela Ramos Rosa, engloba neste libro oito apartados onde se enmarcan e definen unha variedade dentro da mesma temática. Estes apartados responden aos seguintes temarios: “tempo, afecto, lugar, silêncio, desejo, palavra, liberdade, memória, transformação e voz”. Todos eles suxeitos a ese principio establecido por ela de que a maioría dos poemas son de un e dous versos ben sintetizados, onde a brevidade do discurso adquire retraer ao lector a esa contundencia única de procurar resposta a ese verso nu e estrito, que obriga a pensar e procurar que o intelecto amplíen o poema. Reseñemos dous poemas do apartado liberdade: “As andorinhas deixam-se tocar” e “Se não fosse a liberdade / eu não era em mim”. Así continúan os recursos dunha poeta que privilexia neste libro aos que buscan ouro nas letras resplandecidas, en súa mais primitiva e actualizada repercusión de conxugar neste formato, o epigrama, a elexía, a filosofía que tantas veces cede seu discurso a incontinencia metafísica. A intimidade do verso erixido na brevidade dunha mensaxe limpa onde se reduce e esconde o que podían ser dez ou vinte versos, Gisela logra esa continencia de resumo nun ou dous versos. Todo un exercicio que logra a nosa poeta e que tantas veces os poetas frustran por ausentar o seu pensamento dese material que aportan nas cousas, para que seus versos emitan transparencia, sensibilidade e orde, na apropiación desas fugaces e irrefreábeis imaxes en oferta que o poeta tantas veces deixa escapar.

Neste poemario de Gisela Ramos Rosa está reconstruída a linguaxe perfecta que procede do herdo clásico, dos acentos gregos e dos latexos latinos, na que a palabra é soberana e nunca forza, como o ir desa auga clara e lenta dun grande río que alterna sosegos e vertixes. O equilibrio do verso en seu espazo naturalizado baixo o concepto orixinario con que Gisela constrúe o poema e imponlle ese ritmo dunha maneira tan ávida que evita calquera conflito entre a forma e a expresión. Así é como neste exemplo de poemas, de fonda contención pola súa brevidade, podemos extraer outra dimensión no rescate de instantes imaxinarios sen perturbar os don da palabra que a elixe a poeta, para editala coa memoria das cousas. Co sublime e definidor diálogo que sustenta ese carácter concreto e diáfano de ver os obxectos coa luz do pensamento poético, que nunca aporta disidencias. E no caso deste referido libro, de contidos e de continencias, obríganos a volver a ler poemas epigráficos en seu mais altivo resume de verificar as cousas, en tempos e memorias, polo que peregrinamos na poesía. Gisela Gracias Ramos Rosa é a creadora de varias modulacións orixinarias ao facer unha poesía aberta e variada que nos descobre mundos, tantas veces soterrados por incipientes e agónicos influxos que alteran a orde creativa, pola carencia de non basearse na investigación e crear un perfil propio como o que se detecta nesta poeta.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras