Regresar á poesía de Xosé Conde - 28/08/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

O prolífero poeta barbantés, Xosé Conde (1918-1990), o do bo tecer e argumentar, regresa ao cumial da sobriedade do lector e, tamén da crítica. Chéganos da mao de un filólogo e dun matemático, dous profesores, extraordinariamente coñecidos no ensino ourensán, que son Victor Campio Pereira e Edelmiro Vázquez Nadal, respectivamente. Dous excelentes poetas que non se lles ten recoñecido o valor creativo e estilístico nesta Galiza mimética que ignora a preclaros escritores que merecen a urxencia de ser restituídos ao podio mais extenso da nosa poesía.

A dúo, Victor Campio e Edelmiro Vázquez, puxéronse á obra e déronlle vixencia á poesía de Xosé Conde, da cal escolmaron e recompilaron a súa lírica en galego, baixo o título: “Ausencias, soños e rebeldías (Poesía en galego, 1952-1990)”, publicada na suxestiva “Colección Arte de Trobar” que dirixe Luís González Tosar. Setenta anos de inicio da creatividade poética de Xosé Conde ben merece homenaxe e recoñecemento deste emigrante que en 1936 partiu para Buenos Aires e tivo a Galiza como obsesión sentimental en súas prioridades.

Na capital arxentina exerceu de sanitario e en seus espacios de tempo libre visitaba a biblioteca da Universidade, onde coincidiu co núcleo de escritores que facían tertulia con Jorge Luis Borges. Desde estas instancias, Xosé Conde cultivou freneticamente o bo gusto pola literatura. Unha fonda paixón pola escrita, pola divulgación da poesía en galego. Pero, iso si, unha poesía moi especial, a de compromiso e redención pola xente que sufría os avatares sociais, políticos e económicos na súa terra de orixe.

Conde conformou irmandade cos nosos grandes escritores da emigración e do exilio en Buenos Aires, na chamada quinta provincia.

Desde aquel seu primeiro poemario en galego: “Nouturnio de soedades” (1952), os parámetros polos que se moveu o noso poeta e a súa poesía, evidentemente, non confundiron a ninguén, naquel Parnaso de denuncia e de combate con tódalas suxerencias motivadoras e emerxentes da poesía social, instalada en todo o mundo pero na Galiza tiña un carácter moi particular en Celso Emilio e seus seguidores e epígonos. Mais a poesía de Conde ten acentos moi singulares do seu cultismo tan personalizado e do que non se referencia moito na poesía galega.

Conde tiña ese ton de contundencia e de insubmisión nesa palabra luminosa, creada e determinada para ser espada de dous gumes en tódalas belixerancias contestataria; en tantas contendas nas que el procurou luz onde había tebras. Estas foron algunhas das obsesivas proclamas que cercaron a vida poética de Xosé Conde.

Para el foron perpetuas referencias e espellismo exemplar dous poetas que sempre mencionaba con reverencia, Manuel Curros Enríquez e Guerra Junqueiro, seus mestres de alto ego anticlerical e próceres da xustiza social. A ese espello se miraba Conde, aínda que a súa poesía tivese outros camiños que converxían na mesma encrucillada. Mais os que coñecemos, tratamos e fomos amigos de Xosé Conde, dentro desa obsesiva inxenuidade, un tanto infantil –a simple vista-, estaba o grande poeta, esa enorme personalidade temperamental que contemplaba as cousas de mil maneiras e as interpretaba na discrepancia, no debate e no confronto mais orixinal de ser para estar en posición da súa absoluta verdade. E nese espacio tan concéntrico eríxese a voz imperturbábel e fosforescente dun poeta remiso que proclama esa luz ascensional e imperturbadora que toma un caracter universalista.

Non sei se Conde tivo conciencia de que a súa poesía foi escrita en clave universal, polos conceptos e formas contraídas nese grande invento chamado literatura. A súa poética forma parte dese invento que vai alén de modas e modismos, e, tamén, de discrepancias inútiles ou de rutinarias ortodoxias. Nestas circunstancias, o legado poético de Xosé Conde é inmenso, tanto en galego como en castelán. Campio e Vázquez Nadal souberon equilibrar a balanza de aproximarnos a boa parte da excelente obra deste ourensán que merece ser lido para ser normalizado.
Compartir

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras