A Magdalena románica da catedral de Lugo - 01/03/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Confeso que a enigmática María Magdalena tivo unha atracción importante para min e, sobre todo, ao contemplar na catedral de Oviedo e na de catedralValencia, esas esculturas atraentes e provocativas nas que se desvela a unha prostituta arrepentida e submisa na graza do perdón de Xesús.

Continuei vendo esas múltiples esculturas da Magdalena no Museu Marès de Barcelona, e leváronme a outro campo, un tanto sospeitoso, de que María Magdalena tivese amores con Xesús.

Unha sospeita que foi crecendo e madurando, sobre todo, ao admirar como os pintores renacentistas colocaron a este persoeiro feminino como adianto e convite a pescudar sobre a ocultación verdadeira da Magdalena, onde aparece en intensa harmonía e en destaque de amatoria e sexualidade, compartida entre Xesús e a Magdalena tal como se mostra neses cadros. Mais un tema tabú que a Igrexa impuxo para calquera que tentase escribir sobre este tema. As sospeitas creceron e nas grandes obras pictóricas relixiosas do Renacemento e do Barroco, seus executantes deixaron abertas as portas a ese dilema.

Paseando pola Praza de Santa María en Lugo, sempre me parei na porta norte da catedral a admirar ese pantocrátor románico do século XII, unha das esculturas mais vivas e atractivas do noso románico, parece que quere sustentar un diálogo amábel con quen se para a admiralo. Nese diálogo de silencio, puiden reparar nos persoeiros que compoñen a Última Cea, esculpida nun capital baixo os pés do pantocrátor. Admirei esas figuras estáticas -como corresponde ao románico- dos doce apóstolos e a Xesús mesmo no vértice esquerdo onde alguén se debruza no seu peito. Ese alguén, como aquí ficou resaltado, non é San Xoán, a quen a Igrexa oficial saída do Concilio de Nicea, o tiña por virxe e por achegado, en asuntos domésticos, a Xesús. Ese San Xoán apóstolo feito á medida da Igrexa oficial veu a suplantar a María Magdalena. Neste caso, a corrente gnóstica e apócrifa mantiveron sempre viva o legado tradicional deses escritos que mencionan a María Magdalena como compañeira e esposa de Xesús.

O marabilloso do caso é que o executante deste capitel da catedral de Lugo, moveuse dentro daquel sincretismo que o cristianismo minimizou mais esa corrente predominou até hoxe. Os mestres de obras das catedrais e das igrexas románicas e góticas, non eran simples escultores, eran mesmo persoas cun un profundo coñecemento da construción que tiñan un caudal de coñecementos filosóficos, teolóxicos e históricos que alimentaron nese gnosticismo que se desenvolveu en dúas correntes, pagán e cristián. Ámbolas dúas estiveron perseguidas pola Igrexa, e as reminicencias desa tradición gnóstica floreceron neses escultores-pensadores que mantiveron expresivas e secretas consignas doptalas de fontes escritas. Aqueles gremios de construtores de catedrais na Idade Media, mantiveron invulnerábel secreto sobre seus plans executores, non sometidos a ningunha autoridade. Nese secretismo residía o pensamento gnóstico, que eles revelaron nesas pedras ergueitas varias insinuacións desa verdade negada.

Mais convén entrar en certos pormenores que eses executantes nos deixaron na Última Cea da catedral de Lugo. Xesús aparece estático e en oración ou reflexión, mentres que a maioría dos apóstolos están cos ollos abertos, el os ten pechados e posiciona a mao dereita sobre o ombreiro do persoeiro que recosta a súa cabeza no peito de Xesús e, tamén, cos ollos pechos. Trátase dunha cara feminina sumamente protexida, dado que ocupa todo o frontal do corpo de Xesús, como escaparate de chamar a atención a quen a observe. Toda unha simbólica de posturas e ademáns que clarifican moitas sospeitas de que o persoeiro é María Magdalena, no que fai ao amor e á protección. Mais o vencello mais destacado para diferencialo do resto dos apóstolos, o mestre-escultor revela no colo da camisa ou do saial unha diferenza importante. Mentres os apóstolos van vestidos con saial de colo alzado, Magdalena exhibe un colar triangular que magnifica as decoracións femininas usuais no século XII e nos posteriores.

Outra das diferenzas que neste conxunto se constata e que todos teñen aureola e a Magdalena non a leva. Se fora San Xoán, como apóstolo e evanxelista, tiña que levar aureola, como atributo de súa dignidade. Qué nos insinúa o mestre-escultor nese colar e nesa cabeza sen aureola?

Non hai dúbida, o executante sacou a súa verdade gnóstica e a expuxo dunha forma sutil e precavida, sobre unha realidade que se ocultou nos Evanxeos gnósticos que a Igrexa non aceptou e alén dos catro Evanxeos canónicos todo foi persecución. Mais nesa revelación escultural de María Magdalena, o mestre executante quixo levarnos a esa tradición, só consentida no seu gremio, do papel excepcional que María Magdalena tivo entre os apóstolos. No Evanxeo gnóstico de María Magdalena, do século II, hai unha discusión entre Pedro e a Magdalena, o apóstolo dille: “Irmá, sabemos que o Salvador queríache a ti mais que ao resto das mulleres. Di as palabras do Salvador que lembres, que ti coñeces e nós non, e que nós non oímos. María respondeu dicindo: “O que se vos ocultou, eu o hei de anunciar”.

Esta conversa clarifica bastante o poder e os segredos que gardaba a Magdalena sobre a intimidade que tiña con Xesús. Esa intimidade, digamos amorosa ou matrimonial, está manifestada no Evanxeo gnóstico de Filipe, do século III. No apartado 32, leemos: “Tres mulleres ían sempre co Señor, María, a súa mai; a irmá desta, e Magdalena, denominada a súa compañeira. Así pois, María é (chamada) súa irmá, e súa mai, e súa compañeira”.

No que respecta a nomear como compañeira a Magdalena, abre moitos interrogantes e sospeitas e, incluso, moitas terxiversacións, como ten acontecido. Mais este particularismo de compañeira fica esclarecido no apartado 55b, que manifesta o amor entre Xesús e a Magdalena: “A compañeira do Salvador é María Magdalena. O Salvador a amaba mais que a tódolos discípulos, e a bicaba con frecuencia na boca. Os demais discípulos achegáronse a ela para preguntar. Eles dixéronlle: Por qué a amas mais que a todos nós?”

Esta preeminencia de Magdalena ante os apóstolos, nunca foi declarada nos Evanxeos canónicos como a favorita, cando a opinión comunmente aceptada é a que se constata nos Evanxeos apócrifos e, sobre todo, os de carácter gnóstico que testemuñan moitos dos membros da patrística adxudicándolles unha constatación verdadeira. Sorprende nos documentos de Nag Hammadi a alta estima que os primeiros cristiáns tiñan por María Magdalena En moitos deses documentos está descrita como a discípula favorita de Xesús tiña enorme carisma entre os primeiros cristiáns. Mais a liña da Igrexa oficial despois do ano 313 en que se concreta o Edicto de Milán, a eminente Santa Magdalena é vilipendiada e marcada como prostituta arrepentida. Nun sermón do papa San Gregorio I, no ano 591, suplanta a María Magdalena por María de Betania, a pecadora arrepentida.

Desde ese momento unha grande lousa pesa sobre a verdadeira personalidade e ministerio de María Magdalena, até ser revocada esa mentira interesada por Paulo VI, en 1969, cando estableceu un calendario revisado da festividade dos santos, por tanto o papel de pecadora (prostituta?) indícaselle de novo a María de Betania. Así pasou a Magdalena 1378 anos con esa carga de prostituta que a propia Igrexa difundiu e patentou.

Fronte a esta manipulación, os doutrinarios gnósticos non deixaron de reivindicar a María Magdalena como a verdadeira esposa de Xesús, e esa tradición foi moi estendida por Europa. Sobre todo en Francia onde os cátaros persistían en reivindicar a tradición de María Magdalena, o mesmo acontecía nas lendas da Táboa Redonda. As reaccións do papado foron contundentes e sistemáticas. Cando Inocencio II, en 1139, impuxo o celibato obrigou aos clérigos a abandonar mulleres e fillos. E o que si abandonaron foron as igrexas e mantiveron clandestinamente que Xesús estivo casado. Por tanto, a Magdalena foi o branco de tódolos ataques, persecucións e anatemas contra os gnósticos. Nestes sucesos entraba a persecución dos cátaros, que defendían a doutrina gnóstica.

Así que a matanza de cátaros ou albiguenses en Véziers, ordenada polo papa Inocencio III, en 1213, concretamente o 22 de xullo, festividade de Santa María Magdalena. A xustificación daqueles asasinatos foron defendidos pola Igrexa, desta maneira: “A suprema xustiza providencial mandou que o día de Santa María Magdalena non fora manchado polos herexes que afirmaban que era a esposa de Xesús Cristo”. Con estes antecedentes da eliminación cátara, os gnósticos –moitos deles cátaros- autoreducíronse na clandestinidade e expresaron en moi variadas obras de arte ese matiz de descuberta, dentro de parámetros ocultistas que o lector de símbolos pode descubrir en cores, en posturas e ademáns que mais que unha metáfora é unha mensaxe. Unha mensaxe de persuasión e de non renunciar a esa verdade sustentada desde o século III. Por tanto os creadores de arte medieval, renacemento e barroco sustentaron esa verdade, compartida en segredo ante a tenebrosa Inquisición.

Por tanto, esa Magdalena exaltada de grandes veste e tan próxima á crucifixión de Xesús, está chea de mensaxes e remitencias para manifestar algo mais íntimo que o apostolado entre Xesús e a Magdalena. Esa intimidade de amor e reflexión está nesa Última Cea da catedral de Lugo, ben expresiva. Como expresiva é esa Magdalena do mural pictórico do mosteiro de Pombeiro (Pantón), onde a Magdalena esta recostada sobre o peito de Xesús, con grandes guedellas e un rostro híbrido, unha maneira de despistar e mesmo de convidar á indagación.

É curioso como a Igrexa detestou e perseguiu documentos apócrifos que non vulneraban as verdades dos Evanxeos canónicos, mais no caso da Magdalena foi ferreamente depredadora da verdade. E neste contencioso, xurde unha pregunta: cómo é que a Igrexa Católica Romana, sustentándose nesas verdades absolutas de non aceptar as Escrituras gnósticas e apócrifas, exhibe en seus templos unha iconografía completamente apócrifa? Pois os catro Evanxeos canónicos nada nos falan do boi e da mula que aparecen no nacemento de Xesús en Belén. Pero si que aparece nos Evanxeos apócrifos do Protoevanxeo e no Pseudo Mateu. Os labores da Virxe no Pseudo Mateu. O florecemento da vara de San Xosé e o casamento con María, están no Protoevanxeo, no Pseudo Mateu e no de Natividade de María. A morte de San Xosé, con Xesús e María a seu lado, están nun cadro de Goya, que está referenciada na Historia de Xosé o Carpinteiro. Podíamos describir un sen fin de obras escultóricas e pictóricas que están nas igrexas e cuxas fontes están nas escrituras apócrifas. Por qué para certas determinacións estas fontes son aceptadas e as que falan de Magdalena como compañeira e esposa de Xesús son anatema?

María Magdalena volve a ser noticia en investigacións moi serias como a que nos ofrece Margaret Starbird, no seu libro: “María Magdalena a noiva esquecida”, ou a de Sylvia Browne, “Sociedades Secretas”, na que dedica dous capítulos interesantes: “Mentiras sobre Xesús Cristo” e “Represión aos gnósticos”. Outras investigacións tratan como a Igrexa suplantou á Magdalena por o apóstolo e evanxelista San Xoán, que aparece como o apóstolo querido por Xesús. Esta en vías de confirmación que o Evanxeo segundo San Xoán, tan diferente aos outros e cunha carga de amor no sentido espiritual, sexa da autoría de María Magdalena.

Venres 2910/2021, debate sobre 2 libros da miña autoría

Venres 29, debate sobre 2 libros da miña autoría, publicados no presente ano.
Promovidos pola Libraría da Proencia. Na igrexa de Pinol (Sober), ás 19 h.
a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras