As arcaicas sacralizacións - 07/07/2011
Opinión - logo gd 2

AS ARCAICAS SACRALIZACIÓNS DA PEDRA
NA SIMBOLOXÍA ROMÁNICA
Xosé Lois García

 Neste traballo sobre as pedras tiven as miñas dúbidas en escoller o título, talvez polo descoñecemento que teño sobre un tema tan complicado, tanto no aspecto cultual como nas prácticas ritualistas que as sociedades ancestrais mantiveron e transmitiron a outras culturas das que nós somos deudores e ao mesmo tempo descoñecedores dese culto que se practicou ao redor dos xacementos líticos, servíndose deles para expresar moi variadas interpretacións sobre conceptos cosmolóxicos. Eses deseños que atopamos nos petróglifos, en toda a xeografía galega, tan escuros como misteriosos. Estou falando da época neolítica, na que se deu un proceso dinámico dunha sociedade sedentaria e formativa de moitas mitoloxías expresadas na pedra. A presenza de varias expresións gráficas que verificamos en varios ámbitos da cultura castrexa, no que se refire a pedras e rochedos, foron difusoras de símbolos moitas veces de difícil interpretación e dos que bebeu a simboloxía románica, en certos aspectos.

Sei que non son a persoa mais adecuada para falar do culto das pedras, dado que a miña relación con elas está no contexto da simboloxía románica. Pero como o románico é unha arte que bebeu e que se apropiou desa tradición cultual lítica, intentarei aproximarme aos inicios desas manifestacións neolíticas que na nosa cultura castrexa, chamemos celta ou preromana, ten en Galiza un enorme mosaico de formulacións que atinxen aos albores dunha cultura sólida na nosa xeografía. Por iso que a atracción que tiveron pola pedra, tanto as sociedades antigas de Oriente como de Occidente, formulando expresións de culto e de ritualidade que tendía cara unha relación entre o home e as supostas deidades celestes, tendo a pedra como médium; o tótem mediador. Esa pedra bruta e esmiuzada ou a dos grandes rochedos serviu para petrificar ideas cósmicas que ficaron expresadas neses xeróglifos que non deixamos de admirar.

Esa pedra bruta, mitificada e reverenciada, cuxo uso e utilidade alicercezou esa sacralización como símbolo de enerxía e liberdade que se proxecta nesa fusión entre a terra e o ceo. Mentres que a pedra labrada era unha profanación para aquela sociedade virada cara a unha agricultura e pastoreo, cuxa relación coas pedras formaba parte do seu cotián. Esa pedra bruta dos nosos rochedos estaba considerada como un dos grandes misterios dun estado primordial. Os celtas, a final do neolítico, na súa época emigratoria e en seus inicios sedentarios sentiron unha profunda atracción polas pedras. Grazas a elas puideron proxectar elementos fundamentais para a súa coexistencia e materializar un avante sólido tanto na súa cultura como en conceptos mitolóxicos. Desde esta proxección utilitaria, no proceso de sedentarización, cristalizaron varios elementos pétreos que foron centro de culto, como é o caso dos menhires, cravados na terra e proxectados en vertical cara o ceo, que tiña un concepto litofálico, pola súa verticalidade e tamén como elemento primordial solar. A luz solar iluminando esa pedra ergueita, a pedra fita, que transmite protección aos que lle renden culto. O menhir era o medio de transmisión en que os humanos podían relacionarse coas deidade celestes e con estadios cíclicos determinados. O menhir, pola súa verticalidade, está dentro do contexto fálico, como elemento reprodutivo e xerminativo, e como elemento solar xermina a terra, non en van enterrábanse pedras aguzadas ou de sílex que eran as que servían para marcar na pedra unha serie de sensacións e manifestacións cósmicas. En moitos dos territorios celtas, os menhires cumprían unha función ritual, aos que acudían as mulleres no inicio da súa puberdade para ficar embarazadas. Este ritual iniciático aínda se practica na Bretaña por parte de mulleres que refregan a barriga nunha pedra fita para ter bo parto e en moitos lugares de tradición celta as mulleres facian un ritual ante os fustes dos pórticos románicos no medievo.

Sabemos que tocarlle a un menhir era unha tentativa de comunicación entre o ceo e a terra e incluso co mundo subterráneo, o dos mortos. Nesta dimensión, entramos no contexto do dolmen ou do crómlechs que foron para os celtas un nexo de unión entre a Mai Terra e o Cosmos. Mais permítaseme dicir, para rematar, sobre as pedras fitas, que o menhir, está representado naquelas pedras, aínda que labradas, como son os pináculos ou outros arteluxos que se colocan en decoración nas casas ou no cume dos teitos e que proveñen dese culto. Os campanarios sobre todo os románicos, apuntando cara o ceo, están configurados nesa antiga sacralización. Igualmente os cruceiros, que ocupan un espazo sacralizado e que veñen a substituír aos menhires. Con razón dixo Castelao, no seu libro: “As cruces de pedra na Galiza”, “Onde hai un cruceiro houbo un menhir”.

Ese noso neolítico sedentario ofrécenos tamén, no concepto da inmortalidade, eses sepulcros dolménicos, que en Galiza coñecemos como mámoas, onde o defunto era depositado dentro duns enormes piares en vertical e conformando un círculo e cubertos por unha pesada e inmensa lousa. Esta cámara funeraria era cuberta por terra conformando unha pirámide e protexina por pedras fitas, simbolizando a inmortalidade do defunto depositado no útero da pedra, agardando ás deidades que o tiñan que resucitar. Esa impermeabilidade de protexer por medio de enormes pedras, chegou até o concepto cristiano de preservar a morto en lugar sagrado e vemos nas naves das igrexas románicas departamentos sepulcrais, que coñecemos como nichos e que son sucedáneos do dolmen.

Vemos como a pedra conforma ese dolmen sacralizado, por medio de pilastras en vertical servindo de protectoras do corpo e referenciando a elevación da alma. Sobre estas pilastras a gran lousa, que ademais representa a ara de sacrificios remisora de almas, que serviron de culto tanto aos celtas como ás culturas mesopotámicas. Eran pedras sen labrar que necesariamente nelas, articulábase unha serie de inercias que protagonizaban as persoas para purificarse. Pedras míticas receptoras de raios solares e tan visitadas e ornamentadas nos cambios de solsticio.

As pedras erectas de Stonehenge, conformando ese círculo con entradas por onde o sol penetra como elemento central e transcendental que categoriza unha diversidade de valores espaciais e temporais sobre a inmortalidade da alma. Esa factoría lítica de Stonehenge, o gran monumento do último neolítico, onde aquela saciedade celta manifestou rigorosamente a visión do tempo e do espazo, sobre conceptos planetarios neses trazados de precisión astronómica na pedra. Os petróglifos en súas diversas fases temporais gardan eses matices dun estado cósmico e sobre natural.

René Guénon, no seu libro: “Símbolos fundamentais da ciencia sagrada”, adéntranos en certos particularismos sobre os mitos e as sacralizacións líticas, cando di: “Nos pobos celtas certos menhires, senón todos, tiñan o mesmo significado. O Ónphalos podía representar tamén con unha pedra cónica, como a “pedra negra” de Cibeles, ou ben ovoide. O cono representaba a montaña sagrada, símbolo do “polo” ou do “eixo do mundo”: con relación ao formato ovoide, faise referencia ao símbolo do ovo como concepción do mundo”. Guénon estamos levando a un terreo hermético e mesmo sensíbel sobres as pedras negras vindas do espazo, dalgún meteorito, recollidas e sacralizadas por todas as culturas e interpretadas de diversa maneira, tanto na creación como na preservación do mito, que configurou un estadio sagrado determinado. As pedras negras do Sinaí, a pedra negra da Caaba, tan sacralizada polos musulmáns, configuran a diversidade de símbolos que as pedras recibían.

Esas enormes lousas líticas, son mesmo altares divinizados para expiación e centros de culto teofánico, transferidos a unha devoción e adoración idolátrica. Pensemos na Pedra de Avalar de Muxía, onde o cristianismo erixiu un templo e creou unha ambivalencia que foi desnaturalizando o culto orixinario. En Galiza hai un longo inventario de pedras deste tipo e de rochedos que acapararon atracción e devoción moito antes de que o cristianismo tivese pegada. Así que moitos dos rituais católicos non se puideron desprender nin desnaturalizar da presenza orixinaria. Por tanto, nos nosos montes que exhiben rochas graníticas, onde atopamos unha igrexiña ou unha capela, ese espazo cultual está ocupando outro anterior –que moitas veces denominamos pagá- que foi erradicado polo cristián.

Por tanto, eses conxuntos de rochas máxicas tiñan efectos curativos, como a pedra de Avalar, ou a dos Cadrís, en Muxía. A propia Rosalía de Castro, na súa novela: “La Hija del Mar”, fálanos da pedra de avalar, nos termos seguintes: “Teresa había ido a visitar la santa piedra, como allí la llaman, que se balancea pausadamente, produciendo en su acompasado movimiento un ruido sordo y metálico, que se escucha a larga distancia. Reinaba en torno el más profundo silencio, dejando percibir más claramente aquel ruido extraño, yTeresa, en pié encima de aquella piedra misteriosa y flotante las puntas del blanco pañuelo que sujetaba sus cabellos”. Rosalía, neste texto, estanos levando ao centro dese ritual sobre esa pedra mítica e máxica que de seración a xeración transmitíronse rituais, quizais xa alterados pero forneceu esa antiquísima tradición ritual.

Galiza está chea desas penedas protectoras ou de sanar. As rochedos de Fisterra, a Pena de Rodas no municipio de Begonte labrada pola erosión, representan o cume devocional da época castrexa, onde o mito e a espiritualidade forneceron un sentimento profundo de atracción e veneración. Á Pena de Rodas levoume Manuel María, que curiosamente forneceu a esas dúas opulentas rochas na súa poesía, dándolles unha dimensión mítica que procurando unha achega aos mitos que non deixaron de existir na intuición e no sentimento que os humanos presentimos cando estamos diante delas impoñendo silencio e recollemento.

Estes asentamentos teñen ese potencial de atracción en manifestar sacralidade e de ser un espazo tradicional apto para dialogar coa natura e coas deidades ultra terreas, alén de artificiosos encantamentos que poidan prodigar. Estou pensando no Penedo de Vidal, nas ribeiras chantadesas da parroquia de Pesqueiras. Un penedo enorme que os labregos tiñan moitos dicires míticos e de encantamento. Este penedo, sendo lugar de culto no neolítico e quizais até a chegada do cristianismo, transformouse en morada de anacoretas e mais tarde construíuse un cenobio e no século XII o actual mosteiro de Santa María de Pesqueiras, nos rentes do río Miño. Estou seguro que ese redondo penedo, obxecto de veneración, predominou o seu culto con matices distintos aos orixinarios até os nosos días. O mesmo acontece con eses penedos que atraeron aos eremitas, no santuario das Ermitas de Viana do Bolo, que está incrustado nese enorme rochedo do que emana un regueiro de auga, sendo este espazo sacralizado desde tempos ben remotos.

Quen visite a igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao, contemplará na parte absidal un enorme penedo do que gurgulla auga, espazo naturalizado polos cenobitas para facer morada. Mais o tema central dese hábitat ermitán non só residía no ter dous elementos básicos de permanencia, senón que ocupaba un lugar sacralizado moi anterior ao cristianismo e á romanización.

Mencionemos algúns exemplos da cultura mítica relixiosa dos celtas como foi transferida ao cristianismo e que aínda hoxe podemos ver nas cornixas e capiteis románicos esa ampla iconografía pétrea que revela substancialmente formatos da cultura castrexa, aínda que a interpretación simbólica orixinaria teña sido alterada. Cando observamos certos elementos desta iconografía non pasaremos inadvertidos desas cabezas orantes, reclinadas cara a terra ou elevadas cara o ceo. Para os celtas a cabeza que colocaban en lugares elevados ou as esculpían en rochedos para veneración ritual, simbolizaba o centro espiritual da persoa, onde se harmonizan tódolos sentimentos e valores. Por tanto a cabeza humana era a residencia da ánima e así foron solemnizadas nesas esculturas estáticas sen precisións anatómicas, pero suficientemente personificadas de estar ante un tótem sagrado. Nesta dirección apuntaba Mircea Eliade: “Para os celtas, a alma da persoa residía na cabeza, para eles era o membro mais sagrado e simbólico do corpo humano”.

Se rastrexamos no románico do centro de Galiza, observaremos a presenza do mestre Pelaxio ou da súa escola, no século XII, como copiaron fielmente a esas cabezas castrexas e as colocaron en frontais, cornixas e tímpanos. Velaí o nexo dunha caracterización tan individualizada no que respecta a defensa do honor e dun existencialismo colectivo. A prédica dos druídas e dos guerreiros das Cochanladas celtas, estaba baseada na reencarnación da alma cuxa representación era a cabeza. A simboloxía románica connota certa representatividade da cabeza como o espellismo da alma. Isto constata a interrelación que hai entre a sacralización románica e a celta, aínda que no eido simbólico haxa variantes e interpretacións diferentes.

Nesta dirección, connotemos esas pedras trisqueladas tan presentes na cultura celta que bebeu das primeiras referencias dos petróglifos neolíticos e transbordou esta expresións ao prerománico e do románico e tamén do gótico. Antes de avanzar en certas particularidades do trisquel, gustaría de ler un texto baseado na tradición oral dos druídas, que di: “O teu mundo é unha esfera sagrada. En seu interior cohabitan tres partes de ti, idénticas en tamaño, pero diferentes en natureza. Cada unha destas partes es ti mesmo e contén a túa evolución e a túa alma”. Esta lectura introdúcenos no círculo universal que en todas as culturas e relixións representa o indivisíbel e a unidade de Deus nas relixións monoteístas, ou dos deuses nas politeístas. A circunferencia amosa a totalidade do poder de Deus e os tres brazos sintetizan no trisquel celta as tres naturezas do ser humano. E xa no concepto simbólico cristián, que o románico atesoura, revístese do elemento trinitario que ven a desbotar certos conceptos e representacións anteriores ao cristianismo deste formato.

En varios espazos da xeografía galega teñen aparecido trisqueles, como no castro de Santa Tegra, todos eles familiarizados cos trisqueles do túmulo de Newgrange (Irlanda), cos de Carnac na Bretaña, como elemento primordial de dimensionarse con ultra mundos. O trisquel por seu movemento e rotación, con tres segmentos espaciais e dimensionais ubícanos no tempo e no espazo. Así que esa pedra convertida en trisquel móstranos a transcendencia da mortalidade da alma dos finados, que os celtas colocaban no lugar dos mortos e que os propios templarios asumiron dos celtas a simboloxía do trisquel. Que, por outra banda, os druídas levábano pendurado no peito como amuleto da evolución do ser dentro do movemento universal. Digamos que o trisquel, en súa evolución dinámica, foi transferido aos rosetóns de igrexas e catedrais do románico e do gótico, que polo seu círculo introduce luz no interior dos templos. Isto ben a significar o alto ego que tiña o trisquel en calquer proceso mítico relixioso e, tamén, astral.

Nesta configuración das transmutacións, atopamos o caldeiro celta en varias esculturas pétreas. Un deses caldeiros herdados polo cristianismo aparece na pía bautismal románica de Canaval en Sober. Curiosamente foi modelado nese utensilio ritual onde se realiza o bautismo. O caldeiro celta simbolizaba renovación e resurrección. Non é casual que as pías de inmersión estean contextualizadas nos caldeiros celtas, esa de Canaval é a testemuña mais evidente desta relación.

Na mitoloxía celta de Irlanda e Gales, o símbolo da rexeneración do corpo e da inmortalidade da alma esta representado no chamado Caldeiro da Resurrección. Mencionado na lenda galesa de Bramen e relacionado coa deidade Dagdé. Curiosamente os caldeiros celtas estaban relacionados coas augas das transmutacións e moitos deles apareceron no fondo dos ríos e das lagoas, espazos sagrados de purificación. Como podemos ver, no caso de Canaval e doutras pías bautismais da península, esa vella tradición dos caldeiros místicos celtas foron recollidos puntualmente no medievo como vencello a vella tradición de purificación e resurrección que estaba no ritual druídico celta.

En moitos cumiais de penedos podemos observar algúns furados circulares que recollen a auga da choiva como elemento xerminativo e tamén como elemento ritual que estaba en función desa transcendencia.

Se deica agora falei dunha das arcaicas sacralizacións como é a do universo celta, con presenza en Galiza, simplificarei outra das presenzas mítico relixiosas vinda da tradición xudaica ou bíblica que transcendeu no cristianismo. Dado que este foi o transmisor mais directo en emitir boa parte das concepcións da cultura da pedra semítica quixera resaltar un tema moi relevante como é a pedra que Xacob usou de cabezal e presenciou o ir e vir dos anxos e falou co propio Deus, cando acordou converteuna en oráculo sagrado. Esta historia a encontramos en Xénese, 28; 10-20. Lerei só o versículo 18, que di: “Xacob ergueuse cedo, colleu a pedra que puxera de cabezal, erixiuna como estela e verteu aceite enriba dela”. Vemos como Xacob, despois da visión que tivo, unxiu con óleo esa pedra. Unha pedra ruda e perenne pola súa dureza, ven a crear e a centralizar nela tódalas formas e aparencias posíbeis. Estamos ante a presenza dunha representación divina e cósmica tan venerada. Isto mesmo vai acontecer coa roca cúbica da Kaaba centro de santidade na Meca. Esta tipoloxía de pedras están enmarcadas, xa noutro horizonte cultural e sagrado, como é o menhir celta. A pedra de Xacob serviu de catalizador dinámico entre aquelas tribos hebreas na escravitude en Exipto, nesa pedra Iahvé estaba presente. A pedra bruta e harmónica que transcendeu durante o éxodo israelita en Exipto.

Cando Israel deixou de ser nómada, e Salomón edificou o templo de Xerusalén nunha roca, un templo suntuoso onde se construíu o altar dos holocaustos, a pedra labrada das columnas e das paredes, foi en si unha contradición ante o oráculo desa pedra dura inmutábel, divinizada e sen labrar, na que se agachan tantos misterios nestas pedras. Salomón asenta o templo sobre unha roca, as igrexas, mesquitas e outros espazos divinizados teñen asentamento en rochas primordiais e iniciáticas como catalizadoras das forzas eternas e concéntricas. A pedra como elemento eterno e perdurábel. Desta concepción emana o rito xudeu de pór pequeneiras pedras nas sepulturas. Oran e deixar mensaxes entre pedras como acontece no Muro das Lamentacións de Xerusalén.

A pedra labrada na etapa de Salomón trouxo contrariedades coa pedra de Xacob, foi o fundamento dos templos cristián, a pedra angular que se colocaba no centro do presbiterio, sepultada, como configuración do templo de Xerusalén, ou da Xerusalén celestial. E nese centro erixíase o altar, cunha ara de pedra, onde o oficiante colocaba os utensilios de culto na ara de sacrificios que no cristianismo representa o sacrificio de Cristo.

No Evanxeo de Mateu, 16; 18, leemos: “E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edificala a miña Igrexa”. Outra vez o fundamento simbólico do que significa o asentamento sólido pero tamén aferrado á tradición que ven da pedra bruta de Xacob e da pedra angular de David e Salomón.

Esta cultura mítica forma parte de toda sacralización e aínda ten coexistencia nos substratos culturais que se desprenderon dela. Poucos ignoran que no noso país, Galiza, o inventario sobre pedras e penedos sacralizados que atraen a moita xente, aínda que teñen perdido as esencias cultuais mais ancestrais aínda se percibe esa sensíbel atracción que un pode experimentar ante a Pena de Rodas ou a Pedra de Avalar entre outras, que afloran misterio panteísta ou mesmo a permanencia do eterno.

En Galiza aínda non se perdeu ese fío condutor no que se connotan as ambivalencias da pedra dentro do contexto celta e, tamén, no contexto bíblico. Aínda podemos constatar reminiscencias pagás e outras que se mesturan no culto priscilianista, como é a adoración das pedras. Lembro de neno que en certa ocasión, a señora Ánxela de Rozadela, díxome: “Estas pedras brancas que hai nos muros, non se debe cuspir ou ouriñar nelas, nin afogalas tirándoas aos pozos, que son almas que por aquí pasaron e agora gozan da gloria de Deus”. Isto non é superstición nin un simple invento, forma parte desa sacralización mítica das pedras que perdurou até hoxe di diversas maneiras interpretativas.

Antes de rematar, direi que esa pedra labrada que conforman os templos románicos está perfectamente organizada polo número de pedras que nunha porta poden ser seis de cada lado, símbolo da estabilidade. Mais se as sumamos temos o resultado de doce, símbolo dos doce apóstolos, da perfección e da totalidade cíclica e das doce portas da Xerusalén celeste e, tamén, do tempo cíclico dos doce meses. As arcadas pétreas representan os ceos abertos e tamén a entrada da luz como acontece cos arcos de Stonehenge. Os fustes das arcades que no románico representan a xerarquía eclesiástica que nos remite ás palabras de Xesús que dirixe a Pedro, “Sobre esta pedra edificarei a miña Igrexa”. O fuste é o prototipo dos menhires neolíticos, aínda que estes eran erixidos con pedra bruta e os fustes con pedra labrada. Vexan como estas correspondencias teñen unha base moi antiga e sólida que a través de miles de anos foron cambiando, mais a cohesión orixinaria non se perdeu. Nada mais e moitas grazas.

(Conferencia pronunciada en Begonte o 21 de xuño de 2011, co gallo da xornada "O bosque sagrado", o día do solsticio de verán).

Venres 2910/2021, debate sobre 2 libros da miña autoría

Venres 29, debate sobre 2 libros da miña autoría, publicados no presente ano.
Promovidos pola Libraría da Proencia. Na igrexa de Pinol (Sober), ás 19 h.
a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras