|
|
|
Martes 31
de maio de 2005 |
| A
poesía de Décio Bettencourt. |
| |
| Xosé Lois García |
| |
Angola
sempre sorprende no que os seus poetas crean. De Décio
Bettencourt Mateus (1967) chégame a súa primeira entrega
poética, titulada: La furia del mar, publicada pola
Editorial Nzila. Para un europeo resulta curioso que nun
país que soportou máis de trinta anos de guerra e que os
protagonistas bélicos tiveron tempo e sensibilidade para
compor poesía. Este é o caso de Décio Bettencourt, que
ten a graduación de tenente e, tamén, a licenciatura de
Xeofísica pola facultade de Ciencias da Universidade
Agostinho Neto de Luanda, para, ao final, traballar na
industria petroleira.
A vida dos africanos é mesmo dolorosa e sempre
procuraron con ela atopar camiños na tan difícil busca
de circunstancias adversas. A biografía dos poetas
angolanos está sempre cargada de profesións distintas
para procurar saír de escuros labirintos. Isto é
positivo para unha persoa que quere acadar un lugar nas
letras do seu país, exhibindo outros traballos e outros
estudos que sempre favorecerán varios aspectos poéticos
tan matizados e particularizados.
La furia del mar, é un libro que se sustenta de varias
entregas creativas que oscilan desde 1994 a 2003.
Evidentemente, nove anos de distanciamento poden
producir certa alteración na articulación do que se
refire a tempo e a espazo. Digamos que a poesía
angolana, desde xa hai bastantes anos, goza de maioría
de idade e isto permite que os poetas non estean, nin
deben estar, sometidos a ningún canon. Gozando xa dese
permisismo, na poesía angolana, encontramos unha serie
de referencias creativas de alto valor por espremerse
sempre dentro duns parámetros existenciais. Estamos ante
un poeta intimamente existencial e cunha economía
poética esencialmente xirada aos problemas que o rodean
e que non desexa distanciarse deles.
Décio Bettencourt Mateus sabe transcender na vida do
común e, por iso, encontramos non poucas observacións e
matices do que é verdadeiramente a vida tan
particularizada do que se comparte en convivencia cos
demais. Este poeta, en forma de crónica, sabe levar á
poesía as vivencias dentro dun Candongueiro (autobús)
nas súas diversas fases de soportar os tumultos e de
facer amigos nesas turbias viaxes. Mais o impactante
deste poeta é como procura centrar o seu discurso
poético valéndose de circunstancias que el sabe asumir e
tecer con habilidade.
Non cabe dúbida que Décio Bettencourt bebe da tradición
da poesía angolana, da máis suxestiva e altamente en
acorde co destacado de vivencias e referencias. Así o
manifesta no poema, titulado: Dialogando com as
estrelas. Un poema sobrio e pleno de mensaxes que
irradian esa pureza en que se atopa o poeta. Con este
tipo de poesía estamos, evidentemente, no contexto
social da angolanidade máis determinativa e non exenta
de realismo. Non falamos daquela poesía do realismo
social. Neste poeta o social está desvencellado do
realismo. Dúas percepcións articuladas para convivir
autonomamente. Compor un poema nestas circunstancias non
é fácil. Primeiro hai que mastigar a idea e dispor dunha
certa intuición para non caer en erros que levaron a
outros poetas angolanos a compor poesía de militancia e
intervención de mala calidade. Resúltanos curioso que un
home de armas non entre nese escenario discursivo tan
propio e tan usado por guerrilleiros ante colonialistas
que compuxeron unha poesía tan particular e exaltadora
de eventos épicos.
La furia del mar é un libro que nos ilustra nesa crítica
na que persoas e estamentos non fican exentas. Pode que
o discurso exalte conciencias e lle marque rumbos a un
lector interesado en afrontar e combater problemáticas,
tan tipificadas nesa África profunda da cal nos fala
Décio Bettencourt. A temática resúltanos interesante,
innovadora e en moitos casos precoz, como enunciado de
cambios desexados na sociedade angolana. Aquí
verificamos a protesta dun autor autorizado a dicir o
que observa e o que delibera no seu diálogo coa propia
poesía. Este primeiro inventario poético pon a Décio
Bettencourt nun obrigado e necesario segundo rexistro
poético.
|
|